29 Junho 2009

Calvo?


Coido que todos nós estaríamos menos extrañados se Jackiño collese o seu platiño voador e nos deixase para volver ó seu fogar natal, perto de Alfa Centauri segundo se vai para a Andrómeda. Pero non. Palmou. Morreu coma calquera veciño, ou case.
Gustos musicais aparte, Jackson será estudado durante séculos nas facultades de Psicoloxía e Psiquiatría. Michael era raro, moi raro. Pero quen non sería raro levando a existencia deste home dende tan cativo. Ós seis anos xa estaba enriba dos escenarios cos seus irmáns, os Jackson Five. O que estaba ó pé do escenario era o pai deles, un déspota que tiranizaba á súa prole a golpes se fallaban unha nota. Por iso, disque, o Michael se desfigurou tanto, empezando polo nariz, non para non parecer negro, senón para non parecerse ó vello. Cousa case imposible, o vello estaba detrás de cada rasgo, engurra, aceno. Mais acadouno. Á final non se parecía nin ó pai nin á nai que o pariu nin a calquera criatura que pisase antes este planeta. Se cadra en Alfa Centauri...
Así viviu. Na súa burbulla. Porque el quixo.
Todo para acabar co estómago cheo de píluras, fraco e esnaquizado. Cincuenta anos. Case tantos coma quilos.
Mais hai algo de todo este ruxeruxe que de verdade me impactou, se é que é verdade, porque andan a voltas coa autopsia...
Michael Jackson estaba calvo.
Ou sexa, que non se alisaba o pelo para parecer menos afroamericán. Era unha perruca. Elexida por el, o que tamén ten delito. Odiábase. Se fose galego, sería de aqueles. Eu creo que algo galego si que era.
Pero non. Non, tíos. Cómo ía estar calvo? Agora tamén diredes que morreu dun infarto...
Eu coido que non estaba calvo e o da morte e o da autopsia é tan falso coma o de Roswell. Jacko está camiño de Alfa Centauri ó ritmo do achuwoki no casete .
De homenaxe, deixo esta foto de cando tiña pel oscura, pelo (rizado) e o rostro sen retocar, tocha incluída. Un neno, que é o que era porque é o que non lle deixaron ser.
Boa viaxe, Jacko. Saúdame a Elvis.


25 Junho 2009

Little Miss Sunshine





Moito gustei desta película. Xa ten uns anos, mais non a encetei ata hai pouco.
Resumindo, unha nai de familia acolle ó seu irmán na casa, que vén de tentar suicidarse por desamor con outro home. Mais axiña veremos que eles dous son as dúas persoas máis normais baixo ese teito. O marido da muller é o típico pater familias ianqui, que fala todo o rato de "gañadores" e "perdedores", un imbécil ó que odiamos e logo collemos agarimo. O fillo maior non fala por non sei que ensinanza de Nietzsche e comunícase escribindo notiñas. O avoíño, o puro contraste co seu fillo: drogadicto, gamberro, malfalado... encántame. Mirade a que lía porque lle traen polo para cear:



E unha meniña pequena, obsesionada cos concursos de beleza. Aí arrinca a historia: a rapariga é admitida nun deses aterradores concursos americanos de beleza infantil en California e todos se embarcan nunha tola viaxe cara aló na vella furgoneta, un vello cascallo ó que hai que arrincar empurrando, porque só funciona a partir da terceira marcha, e da que a buguina soa todo o tempo sen que se poida parar (imaxínense ese bruído durante miles de millas).


ATENCIÓN: SPOILER. Se queres ver a película, vou proceder a esnaquizar o final. Quen avisa non é traidor. É avisador (evidentemente).

A escena cume da película é a actuación da pequena no concurso de beleza. Teno cru fronte as súas competidoras, uns monstros profesionais de tales farándulas, por outra parte arrepiantes. Mais non pasa nada, á nosa meniña aprendéralle antes un número de baile o seu avoíño. Apoteósico.



Na escea de enriba falta o mellor. No público, a carón do pai da cativa senta un ghevarra de tatuaxes e chupa de coiro con cara de morrer de noxo, seica ten algo que ver con algunha das nenas candidatas e estaba farto de acudir a eses espectáculos horrendos. Xusto despóis da performance da nosa heroína o nacho ergueuse todo emocionado, facendo cornos coas dúas mans coma nun concerto de Judas Priest e berrando poseído YEEEEEEEEEAAAAAAHH!!!!

15 Junho 2009

O teu fillo non é imbécil

Sinto empezar así de agresivo, querido pai/nai preocupado (os pais sempre están preocupados). Se tes un fillo do tipo "nena/-o", ou sexa, que ainda non acadou a puberdade, o máis seguro é que non sexa imbécil. Non é parvo, nin curtiño, nin lle falta fervedura ningunha Despóis desa idade non cho xuro, se cadra vostede mesmo é un imbécil, sen ánimo de ofender, moito máis probablemente eu tamén o sexa. Mais o teu rapaz, os nenos en xeral, non son parvos. Non os tomes por imbéciles, non os fagas imbéciles.
Como non son idiotas, os nenos teñen unha capacidade de aprendizaxe e de absorción de coñecementos incrible. É un feito estudado que se son escolarizados en dous idiomas máis adiante van aprender máis doadamente un terceiro. Por iso os das Comunidades Autónomas bilingües deste estado somos relativamente mellores para aprender un idioma estranxeiro. Ou sexa, que non creas o que che digan. Se aprenden galego na escola non se van liar, non se van embarullar, a súa rede neuronal non se vai colapsar. O teu cativo é espelido, listo, sábeas todas. Os adultos non o somos. El, ela si. De idiota non ten nada.
O galego é unha riqueza, non o prives dela. É a lingua dos seus avós, ainda que se cadra xa non é a dos seus pais. É a lingua dos nomes das vilas e das cidades, da súa terra. Non me meto en máis cerellos, porque son un sentimental, unha antesala de ser imbécil. Mais a lingua é a nosa alma, ainda que non a fales, está marcada no teu acento. Non lle agaches iso.
Non vai deixar de aprender español por iso, non crea a quen che diga iso, é mentira. O español está garantido, é o galego o que está en perigo. Cantos nenos entran na escola falando galego e saen falando español? Moitos. E o caso contrario? Ningún. Esa é a verdade. Que non che mintan. Que a ti e a min nos sigan arruinando a vida (preferiblemente non, pero diso mellor falamos outro día), para iso somos presuntamente ou probadamente imbéciles. Mais ó teu neno, á túa nena, que non lle quiten iso. Que non llo neguen. Non é unha obriga nin unha carga: é o seu dereito.
É moi posible que cando medren os nosos nenos sigan a non ser imbéciles e se decaten de que o galego morreu, e da catástrofe que iso supón. Eles quixeran facer algo, mais non poderán, seralles tarde de máis. E daquela sinalaranos co dedo. Vós puidestes facer algo, fose pouco ou moito, erades os adultos, confiábamos en vós. Mais fomos imbéciles.

06 Junho 2009

Consulados, cónsules, consuladores

(Imaxe tomada na exposición de Kader Attia en Tours)

Sigo sen saber para que valen os consulados. Chegan a tal punto de burocracia inútil e incompetencia que che contaxian a súa deixadez.
Por exemplo, mudeime hai oito meses. No meu anterior piso vivín ano e medio, e como tal comuniqueillo con tempo ó meu consulado, o de Munich. Mandáronme unha carta bizarra na que preguntaban se eu vivía aínda en Passau (un ano atrás) e que se tiña un novo enderezo que llo comunicase (como xa fixera). Pero o mellor de todo é que a carta chegou á miña caixa de correos, a da miña casa, a correcta. É como se alguén te chama e che recrimina que non ten o teu número de teléfono. Ocórreseme que deben ter dúas listas de enderezos: a de mandar cousas postais e a do censo, sen ningunha conexión entre elas. Boeno.
Chamo. Dou de novo o meu enderezo. Chaman, desta volta meses despois. Cercióranse do meu enderezo. Dígolles que ando a buscar nova vivenda, así que qué teño que facer cando me mude e teña (outra vez) un novo enderezo. Nada, neno, agora que estás ben no censo, un e-mail abonda. Boenologho. Tras mudarme, mándolle un bonito emilio. Pasan os meses.
Pasaron dúas eleccións e non recibo un puto papel para votar. Chamo cabreado, co gallo das eleccións de mañá, qué pasa coa documentación. Si que temos os seus datos, Sr. Tichborne, e acto seguido recítame o enderezo antigo, anticuado e antiguallado. Non, ostia, ese é o vello. "PERO VOSTEDE TEN A OBRIGA DE NOTIFICARNOS O SEU NOVO ENDEREZO". Xa o fixen, garrida moza, mandeivos un correo electrónico hai tempo. "AI, SEGURO QUE O MANDOU Ó NOSO ANTIGO ENDEREZO ELECTRÓNICO". Mande? Cambiaron de enderezo electrónico e non mo notifican? Eu teño que atestar ata cando cambio de peiteado e vostedes non notifican cando cambian de datos? Para que ostias queren os nosos datos? Mais o máis bizarro non queda aí.
"DAQUELA TEN QUE VOSTEDE QUE CONTACTAR CO SEU ANTIGO ENDEREZO PARA RECOLLER A DOCUMENTACIÓN, POSTO QUE LLA ENVIAREMOS AÍ". "Enviarana? Futuro de indicativo? Quere dicir iso que ainda non a mandaron? Daquela poden mandarma a casa, con escribir o enderezo correcto sobre o sobre, valla a redundancia, abonda, non teñen Tippex?. A funcionaria traga cuspe, cagouna co tempo verbal, a ver qué inventa, "AI NON, ESTÁ TODO PECHADO E SELADO, É DE TODO IMPOSIBLE". Poño o teléfono nun armario insonorizado, acoitelo un osiño de peluxe co coitelo de trinchar pavos durante medio minuto, acougo un pouco e volvo coller o teléfono, un fío de voz sáeme do peito e besbesella se, por favor, polo menos con vista ás Eleccións Autonómicas do 2016 a vosa mercede pode apuntar agora o meu enderezo actual, "QUE MÁIS QUIXERA, MAIS NON TEÑO ESA BASE DE DATOS A MAN, MELLOR ESCRIBA UN EMILIO Ó NOSO NOVO ENDEREZO ELECTRÓNICO, TEN CON QUE APUNTAR?"
Mentres a funcionaria afuncional recita algo con arrobas eu vou pisoteando no chan os restos do osiño de peluxe, entre saloucos. A nacha colga.
Atopo o novo emilio do consulado na rede e mándolle o meu novo enderezo, mais desta vez pido acuso de recibo, e danmo. Guai. A ver cal pretexto inventan para que eu non vote nas Eleccións Zapaterajóyicas. Mais agora tocan as Europeas, e o tempo corre. Naturalmente, non consigo contactar cos que alugaron o meu antigo piso, se é que ainda viven aí. Os carteiros de Alemaña se non ven o teu nome na caixa de correos, non entregan o envío, vai de volta. Polo menos teño a posibilidade de votar "en Alemaña", isto é, na circunscripción europea na que vivo. Apúntome de milagre no último día de prazo.
Ademáis, hei votar para o Consello de Estranxeiros de Ratisbona, unha cousa do concello na que só votan de adoito o 5% dos 14000 estranxeiros legalmente inscritos na cidade e da que ninguén sabe nada. Só sei que a última presidenta do Consello tivo que demitir e ceder o seu posto porque no entanto acadou a nacionalidade alemana e legalmente non podía xa pertencer a un consello de Estranxeiros (?¿). Hai dúas listas, das que ignoro todo e non atopo nada na internés.
En fin, dúas eleccións ás que parece que a moitos lles interesa que non vote, que non votemos. E votarei, abofé, cando remate de varrer os restos do osiño. E ti, que o tes bastante máis doado, non vas votar, ainda que sexa en branco?
Hale, a reflexionar.

02 Junho 2009

Amor a páxina completa

Estamos afeitos a ver declaracións de amor do máis romántico/extravagante/inusual/ridículo no cine americano, mais non na vida real, na que se ás veces reduce a un trato de compartir hipoteca e desgravación conxunta de impostos.
Pois vese que os bávaros son igual de romanticóns cós ianquis, ainda que claro, o seu xeito. Sorprendeume esta nova da sección "chorra" da Voz cando situou os feitos na miña querida Regensburg (Regensburgo, rebautízana os do xornal, o seu nome nas linguas latinas e supoño que tamén en galego é Ratisbona). Pois o bo de Herbert para pedirlle en matrimonio á súa amada Ruth non tivo mellor idea que publicar un anuncio a unha páxina no diario local, o Mittelbayrische Zeitung (así se escribe, mais perdóollo ó xornalista de aquí porque o nomiño é rabudo). Entroutras cousas argumentaba no anuncio que "Como es unha muller ben lida -traballa nunha libraría, que envexa- pensei que che gustaría mellor ler esta petición ca escoitala". Por suposto a Ruthiña faltoulle tempo para dicir que si. Mirade que feliz se lle ve. Moita sorte!

(Foto do propio xornal
Mittelbayrische Zeitung)



Era por comentar algo amable da cidade na que vivo e que sae na prensa internacional, cousa rara. Ou non tanto. Para algo tivemos o primeiro caso de gripe porcina (ou "gripe nova") de Alemaña ou o affaire do sapo, xa comentado aquí.
Abro enquisa, sobre todo para as féminas (non exclusivamente): Gustaríavos recibir unha declaración semellante?

01 Junho 2009

Achtung babies

Polo que puiden apreciar, a seguridade vial tómase nestes países xermanos moi en serio, e non punto que nos atinxe, o de erguer o pé do pedal do gas cando se vai por unha zona residencial ou escolar. O que está moi ben. O que me chama a atención son os cartaces disuasorios que empregan avisando ós automobilistas da posible presenza de nenos na estrada, porque semella que o perigo non é por parte do vehículo para os rapaces, senón ó revés, tipo Os mozos do millo de Estifen Quing.

Este é o máis discreto que atopei pola Alta Austria, patrocinado por Michelin. Achtung Kinder = Coidado, nenos!


Ou este, algo minimalista.

Pero este, esa monxa de Modigliani sobre fondo vermello, eses ollos desorbitados, pregando "Por favor, non tan rápido"... eu aceleraría.


"Ten tino, conductor: UN neno". Este singular atérrame. Polo deseño, parece unha crianza inofensiva. Mais non está escalado, se cadra é un raparigo de tres toneladas.


Fáltame o mellor, porque non levaba a cámara enriba: un cartaz absolutamente barroco con nenos con balóns e monopatíns: "Nenos: son máis rápidos do que un se pensa".
E para broche este, ainda que non teña nada que ver co tema. Posto por un granxeiro moi farto de que os do lugar e os domingueiros leven os seus canciños a caghar a facer os seus asuntos nos seus pastos. A represalia pode ser terrible.
E ó volante lembrade: "Detrás dunha pelota sempre vén un neno". Así que apuntade ben!


31 Maio 2009

Outra vez xolda fumboleira


O outro día comentaba que levei os meus pais a Munich e sen comelo nin bebelo vímonos metidos en medio do barullo futboleiro. Casualidade cando pasa un día, choque astral cando pasa dúas veces.
Hoxe convencinos para facer unha pequena excursión a Núremberg e vímonos noutro balbordo, porque o 1. Nürnberg xogábase o ascenso na promoción co Energie Cottbus. E xogaba na casa. Por riba ascenderon, así que a xolda foi en aumento ata que nos deu a hora de voltar. O único negativo, que un seareiro do Energie de intelixencia distraída propinounos unha pequena ducha de cervexa (el desde un tren, nós no andén, no medio varios Polizei cabreados).
Así vai a inesperadamente futboleira Baviera. Por certo, Nuremberg moi bonita, non dou o peñazo porque xa falara dela hai algún tempo. En canto ás vacacións, agonian...